martes, 31 de xaneiro de 2023

Infografías (parte 1)

 No segundo trimestre ides a traballar con infografías. Para ir entendendo o que son, os distintos tipos delas e a súa utilidade consulta o seguinte enlace onde tamén tes información sobre os mapas conceptuais.

Infografía e mapa

sábado, 28 de xaneiro de 2023

Actividade 38-39: A evolución humana (vídeo)

 No seguinte enlace tedes un vídeo sobre a evolución humana. Tamén o podedes atopar na sección recursos.  Se imos ben de tempo o veremos durante as clases. Non é para publicar no voso blog.


A actividade consistirá en: 
 
- visualizalo e anotar as diferentes especies "da nosa familia" que van aparecendo indicando cales foron os seus logros evolutivos.
 
- Situalos cronolóxicamente e gardar unha imaxe dos posible aspecto de cada especie.
 
- Está previsto facer un mapa de conceptos ou unha infografía sobre a evolución humana, polo tanto podedes aproveitar esta actividade para ilo preparando.

xoves, 26 de xaneiro de 2023

Actividade 37: Extincións.

 Desgraciadamente non temos nin idea da maioría das especies que, nalgún momento, habitaron terras e océanos. Por non saber nin sequera coñecemos cantas especies hai na actualidade. 

Que é o que condiciona as posibles especies que hai nun planeta? Pois fundamentalmente tres causas: os "recursos" necesarios para a vida; o proceso de evolución , que determina que só as especies mellor adaptadas ao medio poden sobrevivir; e finalmente outros factores que fan que, periodicamente, a Terra pase por épocas de grandes extincións.

- Das distintas extincións que se produciron na historia da Terra indica: cando sucedeu cada unha, a que foi debida, 1 ou 2 exemplos de especies que desaparecerón e, se atopas, que porcentaxe de especies se extinguiron. 


mércores, 25 de xaneiro de 2023

Os bichos feos.

 Neste percorrido pola Ciencia imos do máis grande ao máis pequeno, do uso dos grandes telescopios e radiotelescopios empregados na observación do Universo e as súas marabillas ao uso dos microscopios electrónicos de barrido que obteñen imaxes non menos impresionantes dos seres máis diminutos que habitán o noso planeta.

 

Na páxina de Scott Russell, do Samuel Roberts Noble Microscopy Lab da universidade de Oklahoma (USA) tedes impresionantes imaxes de seres microscópicos tomadas cun microscopio de barrido.

luns, 23 de xaneiro de 2023

Actividade 36: A evolución.

 Entender como funciona a evolución en detalle é moi complexo e estamos lonxe da súa comprensión, pero os mecanismos basicos que a rixen parecen claros. Imos a comprobalo ...

1 - Tes que buscar unha infografía que explique como funciona a evolución, procura que a explique dun xeito claro e sinxelo. Fai unha captura e súbela ao teu blog.

2 - Indica as principais etapas do proceso evolutivo debaixo da infográfia. Como orientación te indicaré algunhas delas: variabilidade xenética, loita pola supervivencia, selección natural ...

xoves, 19 de xaneiro de 2023

Resultado de imagen de importante imagen 

A cualificación da materia para o segundo parcial sera:

Entradas do blog. Da 24 a 42. Ata 5 puntos.

Exame. Ata 3 puntos. Os contidos tomaranse de:

- Aula virtúal, tema 3 (A vida), presentacións a vida 1 e a vida 2.

- Entradas do blog: 28,30,31,34,36.

Traballos. Ata 2 puntos. 

- Informe sobre Mediciña (ata 1p) 

- Infografía sobre Evolución humana (ata 0,5p)

(se non dera tempo a facer a infografía a súa nota, aproximadamente 1 punto, engadirase ao valor do exame)

Os prazos para rematar entradas de blog e informe de Mediciña xa foron publicados)

 

mércores, 18 de xaneiro de 2023

Actividade 35: Darwin e Wallace.

 A teoría da Evolución o explica como xurdiron os millóns de especies, de características moi diferentes, que habitan ou habitaron a Terra, a partir dun hipotético ser inicial.

Sen dúbida sabes quén é Darwin pero ... sabes quén é Wallace? No seguinte enlace terás a resposta.

Evolución

1 - Cal foi a causa pola que Darwin, e non Wallace, é considerado o "pai" da teoría da evolución?

2 - En que zonas xeográficas "recolectaron" respectivamente as probas de que os seres vivos evolucionan?

3 - Qué observou Darwin nas illas Galápagos?

4 - A que se refire o termo "loita pola supervivencia"? 

luns, 16 de xaneiro de 2023

Actividade 34: As formas acelulares.

En entradas anteriores vimos ca diferenza entre o que consideramos un ser vivo nas súas formas máis sinxelas fronte a materia inerte ou sen vida non sempre está claro.

Na anterior actividade vimos que os seres vivos máis primitivos e sinxelos son un grupo moi amplo e descoñecido aos que chamamos xenéricamente bacterias. 

  Soe definirse a célula como o nivel de organización dos seres vivos máis pequeno con vida propia. Por iso é tan importante en bioloxía. Pero na Terra hai outros "seres" que non sendo células parecen ter vida. Será certo isto?.

 Agora tedes que buscar información sobre as formas acelulares e contestar o seguinte:  

1.  Que son? 

2. Que tipos hai? 

3. Son seres vivos ou non? Razoa a resposta.


venres, 13 de xaneiro de 2023

Un texto de ciencia

LECTURA OBRIGATORIA 💂

O dodo (Raphus cucullateus) orixinario da illa Mauricio, no océano Indico, extinguiuse en 1681, uns 100 anos despois de que o descubrisen os navegantes europeos. Hoxe a historia do dodo é un exemplo das perigosas consecuencias da acción humana sobre unha natureza da que tódolos seres vivos dependemos.

https://fumedeestrelas.files.wordpress.com/2014/07/dodo.jpgPero o dodo non foi o único, con el desapareceron en un breve período de tempo polo menos tres especies de réptiles, catro de aves e un número non determinado doutras especies, todas elas únicas. A caza sen mesura, a destrución dos seus hábitats naturais e a introdución de animais domésticos (porcos, cans, gatos e cabras) e outros menos desexados (como as ratas que viaxaban nas adegas dos mercantes) supuxo o fin para estes fráxiles habitantes orixinarios da illa.

Pero a historia do dodo é máis tráxica na súa beleza. O enorme ave de estraño pico, 25 quilos de peso, plumaxe gris e andar torpe, coas súas minúsculas ás inútiles, foi bautizado polos mariños holandeses como dodo, é dicir, un “bobo” que nin sequera intentaba escapar cando era cazado como alimento. En realidade, o dodo non era máis tonto cas outras aves, simplemente estaba perfectamente adaptado ao seu medio ambiente, pero este non incluía depredadores, como o home.

En 1973 o investigador S. Tempero chegou a Mauricio. A súa preocupación non era o dodo, senón unha magnífica árbore, a Calvaria ou Tambalacoque, (Sideroxylon grandiflorum) antano abundante na illa e da que daquela só quedaban 13 exemplares, todos eles nacidos antes de 1680, o derradeiro ano dos dodos en liberdade . Podería haber relación entre a extinción do dodo e a incapacidade de xerminar das sementes da Calvaria? Tempero pensaba que sí e se dispuxo a demostralo. Tiña coñecemento de que, para xerminar, certas sementes necesitan abrandar a súa dura casca mediante un ataque físico-químico que resulta do seu paso polo aparato dixestivo dalgún animal que se alimentou cos froitos. Tempero recollo froitas de Calvaria e deullas a comer ós animais máis parecidos a o extinto dodo que habitaban a illa: os pavos domésticos que troxeran os colonos. Recolleu os excrementos entre os que estaban as sementes de Calvaria e as plantou. Pasado o tempo foi testemuña do nacemento das primeiras Calvarias nos últimos 300 anos.
O dodo perdeuse para sempre pero afortunadamente aínda podemos gozar do seu alimento favorito, a Calvaria.

mércores, 11 de xaneiro de 2023

Actividade 33: O árbore da vida.

  Agora que xa traballamos sobre a vida, os seres vivos e as súas características chega o momento de darlle algo de imaxe ao teu blog. O arbore da vida é unha representación esquematizada de como evolucionaron os seres vivos ao longo do tempo.

Nesta sinxela actividade tes que subir unha/s imaxe/s o máis actualizada/s posible sobre o árbore da vida.

luns, 9 de xaneiro de 2023

Actividade 32: Orixe da Vida.

  Seguindo con esta serie de actividades sobre a orixe da vida agora tentaredes de explicar como poideron ser os primeiros habitantes do noso planeta.

1 - Cando apareceron os primeiros seres vivos? Como eran?

2 - Por que pensamos ca vida xurdiu na auga?

3 - Hai outras explicacións alternativas a como e onde apareceron os primeiros seres?

domingo, 8 de xaneiro de 2023

Avaliación 2: Traballos e datas


Resultado de imagen de importante imagen

Aínda que non son datas definitivas a 2ª avaliación sería entre o 27 e o 30 de marzo, xusto antes de Semana Santa. 

Dado o tempo que leva correxir blogs, informes e demais as datas de entrega límites son:
- 10 de marzo: derradeiro día para "pechar" as entradas do blogue.
- 1 de marzo: derradeiro día para  entregar a infografía da evolución.. 
- 15 de febreiro: derradeiro día para entregar os traballo impreso de mediciña.  
Logo destas datas (salvo causa xustificada) non se admitiran.

Recomendo levar as entradas ao día e entregar traballos con antelación e así evitar sorpresas.

Lémbrovos que tedes especificadas os requisitos das tarefas na páxina INFORMES e OUTROS deste blogue.

Comments system

Disqus Shortname